viernes, 19 de febrero de 2021

 

24 de febreiro: Día de Rosalía de Castro no 184 aniversario do seu nacemento.  
 

 
Tecín soia a miña tea, Tecín soia a miña tea, sembrei soia o meu nabal, soia vou por leña ó monte, soia a vexo arder no lar. Nin na fonte nin no prado, así morra coa carrax, el non ha de virm'a erguer, el xa non me pousará. ¡Que tristeza! O vento soa, canta o grilo ó seu compás... Ferve o pote... mais, meu caldo, soíña t'hei de cear. Cala, rula, os teus arrulos ganas de morrer me dan; cala, grilo, que si cantas, sinto negras soïdás. O meu homiño perdeuse, ninguén sabe en onde vai... Anduriña que pasache con el as ondas do mar; anduriña, voa, voa, ven e dime ond'está. Rosalía de Castro: Follas Novas. Este poema de Rosalía de Castro pertence á súa obraFollas Novas publicada en 1880. Este libro é posterior a Cantares Gallegos, que data de 1863 e marca o inicio da etapa literaria denominada Rexurdimento pleno. Rosalía é a autora máis representativa das nosas letras neste século, tanto pola importancia literaria e cultural das súas obras a nivel da nosa lingua, como pola calidade e transcendencia das mesmas para a literatura universal. Como conclusión, dicir que este poema incluído na parte “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos” de Follas Novas representa precisamente iso: a historia desesperada dunha viúva dun vivo, unha muller que sente como a soidade se apodera dela e que denuncia de xeito indirecto as circunstancias que provocaron esta situación. Rosalía adopta unha vez máis o punto de vista dunha muller para formular unha denuncia das condicións de vida na Galicia do século XIX que provocan que a emigración sexa a única saída. O tema social que denuncia: o sufrimento da emigración.  
Extraído do blog de Lingua e Literatura “Pousadas da Lingua"


 

 

 O 21 de febreiro, unha celebración do día da lingua nai.

 O 24 de febreiro celébrase o nacemento de Rosalía de Castro en moitos centros educativos, xa que está incluído no libro e no calendario de lectura. Ao mesmo tempo, esta data está intimamente relacionada co 21 de febreiro, unha celebración do día da lingua nai, tamén incluída neste calendario e establecida pola Unesco desde o ano 2000. Esta conmemoración está destinada a poñer en valor as linguas, a súa riqueza e respecto pola diversidade intercultural. Esta proximidade entre as datas de febreiro úsase tamén para destacar a figura de Rosalía de Castro, que foi unha das precursoras no uso da lingua materna, o galego, como se pode ver nos seus versos e no amor que tivo a Galicia.